Organización e funcións
Trala creación no ano 2006 da actual subdirección xeral de autorización e inspección de Servizos Sociais unificáronse por primeira vez, as actuacións de rexistro, autorización e inspección de todos os servizos sociais que, ata este momento, levábanse a cabo en dúas Consellerías diferentes. A partir deste ano foise fortalecendo a unidade en canto a medios materiais e humanos, establecéronse procedementos uniformes para a autorización dos centros e programas e implantándose protocolos de inspección coordinados.
No ano 2007 formúlase o primer plan de inspección que fixa obxectivos claros e ordea a actuación da unidade dende o punto de vista estratéxico e operativo, orientandoa cara o fomento das tarefas de información, asesoramento, mellora dos servizos e garantía da legalidade e dos dereitos das persoas usuarias.
Posteriormente a aprobación da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia permite clarificar as funcións da inspección e adapta a regulación do sistema sancionador ás novas necesidades dos servizos sociais.
No ano 2009 como consecuencia da nova estrutura departamental, os programas e centros de igualdade adcríbense á Presidencia, non obstante, a súa autorización e inspección seguen atribuíndose a Subdirección xeral de autorización e inspección de servizos sociais.
Dende o ano 2006 a unidade conserva a mesma estrutura interna distribuída en tres servizos de inspección, dependendo na actualidade da Secretaría xeral técnica da Consellería de Política Social

Misión e principios de actuación da unidade administrativa de Autorización e Inspección de Servizos Sociais
A Subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais ten por finalidade verificar o cumprimento da normativa aplicable aos servizos sociais, de xeito que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se presten aos cidadadáns no territorio galego.
A súa actuación ten o seu fundamento nos principios de independencia, profesionalidade e especialización, accesibilidade e servizo aos cidadáns, eficacia, obxectividade, responsabilidade e cooperación interadministrativa.
- Principais servizos que ofrecemos.
- Información e asesoramento
- Información xeral, de forma presencial, telefónica, por escrito ou telemática, sobre a tramitación dos procedementos de inscrición e cancelación no Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais. Así como para a tramitación dos procedementos de creación, inicio de actividades, modificación substancial, suspensión, revogación e cesamento de actividades.
- Información actualizada sobre as entidades prestadoras e os centros e programas de servizos sociais autorizados
- Asesoramento individualizado sobre o deseño, os requisitos materiais e sobre a mellora da funcionalidade dos centros e programas de servizos sociais, segundo a súa tipoloxía e persoas destinatarias
- Información e asesoramento individualizado sobre boas prácticas e sobre a mellora continua dos servizos prestados
- Asesorar, no exercicio das actuacións de inspección, as entidades prestadoras de servizos sociais titulares ou xestoras de centros, programas ou servizos e as persoas usuarias ou os seus representantes legais sobre os seus respectivos dereitos e deberes e sobre a forma de cumprir as disposicións vixentes sobre a materia
- Autorización
- Rexistro das entidades prestadoras de servizos sociais e mantemento dos seus datos actualizados
- Xestión e tramitación das solicitudes de autorizacións administrativas para o funcionamento, modificación e cese dos centros e programas de servizos sociais, como garantía da súa adecuación aos requisitos esixidos pola normativa específica
- Inspección e garantía dos dereitos das persoas usuarias
- Velar polo respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais mediante o control do cumprimento da normativa vixente na prestación de servizos sociais
- Avaliar e asegurar o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio de Galicia, podendo formular propostas para a súa mellora.
- Recibir e investigar queixas e reclamacións presentadas polas persoas usuarias dos servizos
- Os nosos compromisos de calidade.
- Información e asesoramento
- Contestar ao 100% das solicitudes de información contida no Rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, nun prazo máximo de 10 días hábiles dende a súa recepción na Subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais
- Personalizar a atención, respondendo de forma individualizada nun prazo máximo de 10 días hábiles ao 90% as solicitudes de asesoramento que se reciban dende a data da súa recepción na Subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais
- Autorización
- Realizar o 100% das visitas de inspección previa á concesión do permiso de inicio de actividades nun prazo máximo de 5 días hábiles a partir da data de recepción da solicitude ou dende cando a documentación achegada para a concesión do permiso de inicio de actividades sexa completa e correcta
- Resolver o 100% das solicitudes de inicio de actividades nun prazo máximo de 10 días hábiles a partir da data en que o informe de emitido polo persoal inspector sexa favorable.
- Inspección e garantía dos dereitos das persoas usuarias
- Realizar aló menos un control documental ao ano de todos os centros e programas autorizados.
- Realizar unha visita de inspección anual ao 80% dos centros de servizos sociais autorizados de todas as áreas
- Contestar áo 100% das queixas e denuncias recibidas en relación co funcionamento dos servizos sociais nun prazo igual ou inferior a 15 días hábiles dende a súa recepción na Subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais
- Indicadores de calidade dos servizos.
- Porcentaxe anual de solicitudes de información do Rexistro único de entidades prestadoras de servizos sociais contestadas nun prazo máximo de 10 días hábiles dende a súa recepción
- Porcentaxe anual de solicitudes de asesoramento contestadas por escrito no prazo máximo de 10 días hábiles dende a súa recepción na Subdirección xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais
- Porcentaxe anual de visitas de inspección realizadas nun prazo inferior ou igual a 5 días hábiles a partir da data de recepción da solicitude ou dende cando a documentación achegada para a concesión do permiso de inicio de actividades sexa completa e correcta
- Porcentaxe anual de resolucións de autorización de inicio de actividades ditadas no prazo de 10 días hábiles a partir da data en que o informe emitido polo persoal inspector sexa favorable.
- Porcentaxe anual de centros e programas autorizados que foron obxecto dun control documental
- Porcentaxe anual de centros autorizados que foron obxecto dunha visita de inspección
- Porcentaxe anual de queixas ou denuncias recibidas, en relación co funcionamento dos servizos sociais, e contestadas nun prazo igual ou inferior a 15 días hábiles