Obrigas das entidades prestadoras de servizos sociais con financiamento público

As entidades prestadoras de servizos sociais que perciban ou pretendan acceder ao financiamento público pola prestación de servizos sociais, ademais de cumprir coas obrigas sinaladas anteriormente, deberán:

a) Inscribirse, con carácter previo ao inicio das súas actividades, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

b) Adecuarse ás directrices da planificación dos servizos sociais da Xunta de Galicia.

c) Acreditar anualmente a través da memoria de actividades, a descrición detallada dos seus obxectivos anuais, das actividades realizadas para acadalos e unha avaliación dos resultados obtidos. Ademais, farase constar a totalidade das subvencións percibidas, a súa orixe, contía e destino, o número de socios/as, de colaboradores/as e de persoas usuarias dos servizos ou actividades que realice, así como un balance detallado das contas de ingresos e gastos.

d) Acreditar, cando o financiamento público se destine á realización de obras para a creación/construción ou modificación substancial de centros sometidos a autorización previa, que dispoñen, con carácter previo á súa execución, da autorización de creación/cons­trución ou modificación substancial.

e) Sen prexuízo do disposto na normativa vixente en materia de subvencións públicas, de cancelarse a inscrición dunha entidade ou autorizarse o cesamento de actividades de centros ou programas que recibiran financiamento público, informarase ao órgano concedente para que inicie o procedemento de reintegro sobre a parte de financiamento non amortizada. Para estes efectos, entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortiza aos 20 anos, e a destinada a equipamento aos 5 anos.