Funcións da inspección

De conformidade co artigo 73 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia son funcións da inspección de servizos sociais:

  1. Verificar o cumprimento dos requisitos e condicións esixibles para a obtención das preceptivas autorizacións administrativas e para a acreditación en materia de servizos sociais.
  2. Velar polo respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais.
  3. Controlar o cumprimento da normativa vixente e o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e formular propostas de mellora na súa calidade.

    Os controis da legalidade vixente se instrumentarán a través de:

    1. A realización de controis da documentación referida aos servizos sociais en funcionamento, en aspectos relacionados ao mantemento das instalacións, pólizas de seguros, carteira de servizos e recursos humanos empregados. Na medida que sexa posible, facilitarase o cumprimento desta obriga mediante medios informáticos ou telemáticos.
      Nesta guía poderán consultar os pasos a seguir para publicar o Control de legalidade de centros e programas de servizos sociais no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) : Guía de publicación do control de legalidade no RUEPSS
    2. Realización de visitas de inspección aos servizos sociais para a comprobación do cumprimento dos requisitos legalmente esixidos pola normativa específica en materia de servizos sociais, con carácter previo ao inicio das actividades e posteriormente, durante o seu funcionamento.
    3. Realización de informes de inspección e requirimentos dirixidos ás entidades para a emenda de deficiencias detectadas e/ou recomendacións en torno á mellora dos servizos.
    4. Remisión de solicitudes de información ás entidades titulares e xestoras en relación con feitos ou con actuacións concretas.
  4. Asesorar, no exercicio das actuacións de inspección, ás entidades prestadoras de servizos sociais, titulares ou xestoras de servizos sociais e ás persoas usuarias ou aos seus representantes legais, sobre os seus dereitos e deberes e sobre a forma de cumprir as disposicións vixentes na materia.
  5. Emitir informes sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como de calquera outra axuda económica articulada a través de convenios, contratos ou outras figuras establecidas na normativa vixente, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao outros órganos en virtude da normativa específica.
  6. Recibir, investigar e contestar queixas e reclamacións.
  7. Emitir informes de inspección e propoñer a iniciación de expedientes sancionadores, de adopción de medidas cautelares, de clausura de centros, de suspensión das actividades e de revogación e suspensión das autorizacións e acreditacións concedidas
  8. Notificar ás entidades ou particulares os actos ditados en virtude da actividade inspectora.
  9. Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.

O persoal inspector no desenvolvemento das súas funcións realizará visitas de inspección consistentes en:

  1. Acceder libremente, sen previa notificación, e en calquera momento, a todos os centros de servizos sociais, á sede das entidades prestadoras ou ás instalacións de referencia dos servizos ou programas.
  2. Durante a visita de inspección, o persoal inspector está facultado para acceder a todas as dependencias, para efectuar toda clase de comprobacións materiais, documentais, rexistrais e contables, para entrevistarse con carácter privado cos/as profesionais e as familias/persoas usuarias ou os seus representantes legais, e para realizar cantas outras actuacións conduzan a un mellor coñecemento dos feitos, tales como:
    1. Examinar o rexistro de altas e baixas de persoas usuarias, os contratos de prestación dos servizos, os expedientes individuais, as normas de funcionamento do servizo, os plans de organización do traballo e toda aquela documentación referida á contratación do persoal.
    2. Verificar a correcta tramitación e resolución das queixas, reclamacións e suxestións presentadas polas persoas usuarias.
    3. Comprobar que as actuacións e intervencións se realizan conforme aos plans individuais elaborados para cada persoa usuaria e conforme aos procedementos e os protocolos de funcionamento establecidos para os servizos, coa debida cumprimentación dos rexistros asociados.
    4. Constatar que o persoal cumpre a ratio establecida, ou a ofertada para aqueles servizos concertados pola administración xeral da Comunidade Autónoma, ademais dos requisitos de titulación e aqueloutros establecidos pola normativa específica en función do servizo do que se trate.
    5. Examinar o mantemento das instalacións e do seu equipamento, así como a súa adecuación ás necesidades das persoas usuarias.

A visita de inspección realizarase, tratando de non interromper ou alterar o desenvolvemento normal das actividades, gardando sixilo profesional e respectando a intimidade e a confidencialidade dos datos de carácter persoal aos que teña acceso como consecuencia da súa actividade. 

Co fin de proporcionar ás entidades inspeccionadas unha guía informativa sobre os criterios da unidade de inspección, definir as canles para o exercicio dos dereitos e as obrigas das entidades e clarificar á finalidade dos diferentes escritos e recomendacións que se lles remiten, aprobáronse diferentes protocolos de inspección segundo a área de intervención da que se trate :
Protocolo de inspección en centros de maiores e discapacidade,
Protocolo de inspección para os programas axuda no fogar,
Protocolo de inspección de servizos comunitarios
Protocolo de inspección para os centros de atención á infancia
Protocolo de inspección para os centros de menores
Protocolo de inspección para os centros de inclusión e emerxencia social

Con estes documentos, onde se detalla os aspectos a comprobar pola inspección trátase de evitar interpretacións diferenciadas ou inexactas e de procurar ás entidades a máxima colaboración e asesoramento na mellora continua dos servizos sociais