Acta de inspección

Unha vez efectuadas as comprobacións oportunas na visita de inspección, o persoal inspector poderá estender unha acta numerada na que se farán constar os seguintes datos:

  1. Data, hora e lugar da actuación.
  2. Identificación e  sinatura do persoal inspector actuante.
  3. Identificación da entidade, centro, servizo ou programa obxecto da inspección e da persoa que vai recibir a acta.
  4. Descrición dos feitos constatados, das deficiencias detectadas e, cando proceda, das presuntas infraccións cometidas, facendo constar os preceptos que se consideren vulnerados.

Cando da actuación inspectora se derivaran simples inobservancias de requisitos que foran de doada emenda, o persoal inspector poderá formular os requirimentos e advertencias que considere oportunos no mesmo acto. Neste caso, deberá consignarse na acta os aspectos susceptibles de emenda, a norma omitida e o prazo para acreditar o seu cumprimento. Así mesmo, na acta  poderanse relacionar aqueles aspectos dos servizos inspeccionados que se consideran mellorables

Unha vez redactada a acta de inspección, farase entrega dunha copia á persoa que asine a súa recepción, a cal poderá realizar na mesma acta as alegacións que considere procedentes. No caso de que da acta de inspección se deriven incumprimentos legais, proporase a iniciación dun  expediente sancionador.

As actas poderán acompañarse con informes aclaratorios ou complementarios doutros aspectos do funcionamento do servizo social ou da entidade inspeccionada.

Cando no curso da actuación o persoal inspector aprecie a existencia dunha situación de risco inminente ou dun prexuízo grave para as persoas usuarias, poderá propor a adopción das medidas cautelares oportunas durante o tempo que persista o risco que as xustificou. Cando a situación de urxencia ou de risco faga necesaria a súa execución inmediata, o persoal inspector poderá acordar a súa adopción na propia acta.

GARANTÍA DOS DEREITOS DAS PERSOAS USUARIAS

Comprende as actividade de información e asesoramento ás persoas usuarias dos servizos sociais de cara a garantir o respecto dos seus dereitos.

Así mesmo, as persoas usuarias poderán remitir directamente queixas e reclamacións á unidade de inspección de servizos sociais co fin de que as avalíe e, cando proceda, realice as actuacións oportunas. Do resultado das actuacións realizadas darase conta á persoa interesada no prazo máis breve posible, en función da complexidade da súa xestión.